A orixe

Portada do primeiro número de Pumariño

Portada do primeiro número de Pumariño. Marzo de 1976

O impulsor da publicación, Ramón Díaz Raña,  fala dunhas orixes do Pumariño vencelladas “con moita intensidade” ao proxecto de creación do Fogar Parroquial, que se pretendía edificar onde hoxe se encontra a casa da Cultura.

Escribe Díaz Raña: “Era necesario informar e animar aos veciños. Daquela eran só dez folios doblados en tamaño cuartilla. Saíron así uns seis números. Aparecen publicados, como datos a destacar, os estatutos da Xunta Parroquial e as achegas de cada veciño para a festa de Santa Isabel”.

Ao non callar a idea do Fogar Parroquial  houbo un tempo de repouso. Pero, vendo a boa acollida que tivera a revista, o grupo aglutinado arredor do crego de San Sadurniño vai madurando un proxecto que se mantería sen interrupción durante sete intensos anos.

Ramón Díaz Raña, Ramón de Pulido, foi o principal impulsor da revista

Ramón Díaz Raña (Mondoñedo, 1938), párroco de San Sadurniño na época, foi o principal impulsor da revista

“O que máis nos preocupaba era informar. Estaba a nacer unha sociedade nova. Queríamos que, desde unha posición non partidaria, se ofreceran elementos para a participación da xente, que ata daquela estivera marxinada ou adoctrinada”. 

En Pumariño parece intuírse o cambio que se aproxima. A revista nace  mes e medio despois do pasamento de Franco e, tan só seis meses despois da morte do ditador atrévese a publicar unha declaración de principios que por aquel entón podería supor cárcere para o seu autor:

“Todo país que ten unha cultura propia, un territorio propio, unha economía propia, un idioma propio e unha conciencia de pobo diferenciado, é unha nación. Galicia ten todo iso. Polo tanto… Galicia é unha nación”.

O Xacobe

Pumariño mostra con valentía o que quere ser e será no futuro, pero daquela aínda é pequeno. Na súa infancia -durante todo o 1976- ten un tamaño de medio folio A4 e imprímese cunha rudimentaria máquina multicopista na sede parroquial.

Pumariños 1976
Nº1 Marzo(?) de 1976
Abril de 1976
Maio de 1976
Xuño ou setembro de 1976
Novembro ou decembro de 1976