Pumariño no seu tempo

Rosa Cal Martínez (Ferrol, 1944) estudou a fondo o Pumariño para a súa tese de doutoramento.

Rosa Cal Martínez (Ferrol, 1944) estudou a fondo o Pumariño para a súa tese de doutoramento.

Rosa Cal é, sen lugar a dúbidas, quen mellor coñece Pumariño desde o punto de vista académico. A investigadora ferrolá doutorouse en Ciencias da Información coa tese La prensa alternativa en la zona no urbana de Galicia (1975-1984). Un traballo que lle abriría a porta da Universidade Complutense de Madrid, onde foi profesora desde 1987 ata a súa recente xubilación.

Para facer a tese analizou a revista número por número e hoxe a súa colección está depositada na Fundación Penzol, en Vigo.  Recollemos aquí un resume da análise que fai da época e que ela titula Pumariño a punto de cumplir cuarenta anos:

“Descubrín a publicación alternativa Pumariño no ano 1982 cando percorría Galiza na procura de medios escritos pertecentes a asociacións veciñais, agrupacións culturais, parroquias, partidos ou sindicatos.  A riqueza foi tal que podo citar 565 cabeceiras diferentes, de norte ao sul, do leste ao oeste.

A desaparición do réximen dictatorial coa morte de Franco en novembro do 1975, deu paso a unha trasición á democracia que supuxo a desaparición da Ley de Prensa de Fraga do 1966, o estabelecimento da libertade de expresión, aporreada ás veces pola extrema direita, pero afianzada pola constitución do 1978, nun ambiente de recoñecimento das libertades políticas cuxo máximo expoñente foi a legalización do Partido Comunista na Semana Santa do ano 1977. A Constitución recollía tamén a España da pluralidade das autonomias, as tres históricas (catalana,vasca, e galega) , máis unha morea delas inventadas, algunhas co fin de contentar ao cacique daquela provincia, e darlle o seu trono.

As publicacións alternativas explotaron no final do franquismo. Foi como ver a lus ao final do túnel. Foi, tamén facerse dono do entorno, crer que xa non estabamos dirixidos nin vetados, que o que nos arrodeaba nos pertencía. Foi unha crenza xeralizada na Galiza que cada quen era suxeito activo responsable do cambio social e das melloras do entorno. A liberdade incluía a valoración do galego, do típico. Desapareceu a vergoña ao tempo que a represión, a autovaloración; a autoestima medrou e miles de rapaces lanzáronse a escribir a historia recente. Gracias a eles temos noticia daqueles tempos novos, do despertar da “longa noite de pedra”. A liberdade de acción quedou recollida nas publicacións alternativas, dende os anos setenta.

Estes impresos perduraron con boa saude ate 1984, máis ou menos, este ponto final quizáis se explique polo novo goberno socialista (dende 1982) que se entendeu, no seu momento, como a conquista máxima, como o ter acadado todo aquilo polo que se loitaba. 

Eses boletíns, revistas culturais, follas parroquiais, publicacións políticas ou sindicais, foron moi numerosas en Galiza, e todas elas espallaban creatividade e frescura. Teñen un valor moi importante porque nos dan a coñecer a estrutura social do pais galego. Ninguén podía imaxinalo. Os impresos son a cara visible das agrupacions sociais,  e se eu non atopase nada na miña investigación,  querería decir que non había en Galiza asociacionismo de tipo algún.

As publicacións son unha festa á liberdade . Educativas. Inxenuas. Valentes. Atrevidas, de denuncia, de loita, de organización.  Os tempos son tornados, e despois da desaparición de moitas delas, co paso do tempo xurdiron na Internet abondo de blogs ubicados na  Galiza.

Podes descargar o artigo completo de Rosa Cal en pdf picando nesta ligazón.